Está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para participar na convocatoria do fondo solidario de libros de texto e das axudas para material escolar. É unha convocatoria só para o alumnado que estará matriculado en educación primaria, secundaria obrigatoria ou especial durante o próximo curso escolar.
O prazo para presentar as solicitudes rematará o día 22 de xuño de 2021 (incluído). A solicitude será única para todos os fillos. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na cal se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2021/22. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación Fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno/a. As solicitudes presentaranse por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática Fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal, ou tamén se poderán presentar presencialmente nos centros docentes (pódense solicitar os impresos chamando ao director ou a través das titoras).
Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento
1. As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:
a) Anexos I e II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.
En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.
Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
1º. Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.
2º. Certificado ou volante de convivencia.
3º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia onde deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.
En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a
situación persoal, familiar e económica a 31 de decembro do 2019, agás no caso de violencia de xénero, en que
se aplicará o disposto na lexislación específica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario